[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Día Nacional de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación a prol da autodeterminación no día de Galicia de 2005.

O Día Nacional de Galicia,[1] coñecido tamén como Día da Patria Galega,[2] Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia ou Día da Patria, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia publicado no DOG do 1 de xaneiro de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.

Faro de Vigo do 24/7/1927. Alegoría de Camilo Díaz no Día de Galicia.

Historia e características

[editar | editar a fonte]
Deputados galegos o 25 de xullo de 1931. Entre outros: Suarez Picallo, Rodríguez Cadarso, Castelao, Nóvoa Santos, Villar Ponte e Otero Pedrayo.

As orixes desta celebración remóntanse a novembro de 1919, cando se celebrou en Santiago de Compostela a II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que acordan celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte[3], impoñéndose ás teses defendidas por Antón Villar Ponte[4] para celebralo o 17 de decembro, considerado daquela o aniversario da decapitación do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo.[5]

Ditadura de Primo de Rivera

[editar | editar a fonte]

En 1924 o ditador Miguel Primo de Rivera foi designado delegado rexio na ofrenda ao apóstolo, ao que levou a algúns grupos a propor o cambio de día de Galicia ao 17 de decembro, data do axustizamento do mariscal Pardo de Cela.[6][7] A discusión aínda perduraba en 1930 cando a fin da ditadura permitiu de novo a celebración de actos galeguistas, como o mitin no teatro García Barbón de Vigo o 25 de xullo dese mesmo ano.[6]

Primeiros anos da ditadura franquista

[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura franquista, as sociedades galegas da emigración continuaron esta convocatoria, e en Galiza o galeguismo concentrouse ó redor da tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval. Amais, durante esta época o día institucionalizouse como festa oficial en toda España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o país. Asemade, seguían as conmemoracións no exilio, como a lectura do discurso Alba de Groria de Castelao, pronunciado en Buenos Aires en 1948.[6]

Páxina do DOG nº 1, de 1 de xaneiro de 1979, co decreto no que se proclama o Día Nacional de Galicia.

Derradeiros anos do franquismo e democracia

[editar | editar a fonte]

En 1968 volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Santiago de Compostela. Foron o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifestaron de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galicia que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego. Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega.[Cómpre referencia]

O Día Nacional de Galicia entréganse as medallas de Galicia, creadas en 1984,[8][9] e realízase unha ofrenda a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.[10]

Os diferentes partidos nacionalistas de Galiza convocan manifestacións para ese día, baixo a denominación de Día da Patria, nas cales fan reflexións no tocante á situación política galega. O PSdeG realiza unha ofrenda floral no monumento a Castelao en Rianxo.[11]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]