Club Deportivo Estradense
Estradense | |||
---|---|---|---|
Nome | Club Deportivo Estradense | ||
Alcume(s) | Deportivo, Rojillos, Tigres | ||
Fundación | 1925 | ||
Estadio | Novo Campo Municipal, A Estrada, Galicia, España | ||
Inauguración | 2014 | ||
Capacidade | 600 | ||
Presidente | Antonio Camba | ||
Adestrador | Manuti Javicho | ||
Liga | 3ª RFEF – Grupo 1 | ||
2023/24 | 8º | ||
Vestimenta | Trezze | ||
Patrocinador | Hierros Diego | ||
Na rede | |||
http://www.cdestradense.es/ | |||
| |||
O Club Deportivo Estradense é un club de fútbol galego do concello da Estrada. Foi fundado en 1925 e milita na Terceira Federación.
Historia
[editar | editar a fonte]O equipo foi fundado en 1925 por Emilio Velasco García, comandante do Batallón de Reserva da Estrada e primeiro presidente do Club, e mais o empresario Jesús Durán Taboada. Pediron a colaboración do alcalde Benito Vigo Munilla, mais non houbo apoio por falta de orzamento. O equipo naceu con xogadores afeccionados da vila e algún militar do destacamento local, coa idea de federar o club a curto prazo. Por entón non había un lugar para practicar fútbol, debido a que no antigo Campo da Pira se construíra a Praza de Abastos.
O primeiro partido xogouse en Caldas de Reis o 31 de maio de 1925 contra un equipo de Padrón, con vitoria do Estradense por 3-2. O uniforme foi camisa de cor vermella, e o primeiro equipo estaba formado por Pereira; Lueiro, Jesús; Emilio, Cándido, Xestoso; Rey, Carballeda, César, Campos e Pepucho. Xogáronse posteriormente varios encontros noutras localidades, con numerosa presenza de afeccionados estradenses atraídos polas excursións organizadas en paralelo ós partidos.
A xunta directiva alugou un terreo onde está o chalé da familia Blanco, para construír un campo, coñecido como A Decoita ou O Barrio Novo. Nel xogouse o primeiro partido oficial en abril de 1926 contra o Trust Escolar de Santiago de Compostela. O partido rematou 4-3 a prol do Estradense, que formaron con Cándido, Díaz, Mella; Juanito, Cándido, Cantón; Seso, Rey, Reino, Jesús e Carballeda. No ano 1926 o Deportivo Estradense figura federado na Serie C Rexional, terceira categoría a nivel galego.
O campo de herba do Barrio Novo ou da Decoita foi valado e construíronse bancadas en chanzos aproveitando o desnivel do terreo. Inaugurouse en marzo de 1927, o martes de Pascua, e nel xogaron o Celta de Vigo, o Eiriña CF de Pontevedra e outros clubs galegos punteiros.
A comezos da década de 1930 os propietarios reclamaron os terreos do campo. Meses despois a xunta directiva presidida por Manuel Durán Esmorís alugou unha carballeira á familia Leyes -detrás da actual estación de autobuses- na que se fixo un campo de reducidas dimensións, aberto, cunha lixeira costa e cunha toxeira contigua que servía como vestiario precario. Porén, no primeiro lustro da década de 1930 o fútbol estradense acadou o seu máximo nivel, con xogadores como Gonzalo Varela Agrelo, que sería xogador e capitán do Celta en Primeira División durante varios anos; Enrique Durán, a proba polo Celta nunha pretempada; Manolo Torrado, pretendido polo Oviedo; Augusto Reino, xogador do Eiriña; Pedro Sande, posteriormente xogador do Pontevedra e Verino Durán, quizais tecnicamente o mellor xogador da Estrada, entre outros xogadores locais que por diversas circunstancias non puideron destacar en clubs de superior categoría. A guerra civil coutou as aspiracións deportivas de varios xogadores, e causou a morte a Secundino Campos Pego, deseñador do escudo do equipo, redactor do primeiro Regulamento e compositor dun himno. Coa chegada do Franquismo o equipo houbo modificar o seu uniforme, deixando a cor vermella.
Tras a fin da guerra a familia Leyes recuperou os seus terreos. A rapazada ía xogar os seus partidos ó Campo da Feira, costa arriba e costa abaixo, e despois a un recinto na explanada onde o Concello botaba o lixo, atravesado por unha liña de alta tensión eléctrica. Pedíuselle ao Concello que acondicionase o recinto nacendo así o Campo da Baiuca.
En 1959, coincidindo coa chegada á Alcaldía de Mario Blanco Fuentes, retomouse un proxecto para a construción dun grande estadio deportivo redactado en 1942 polo arquitecto Juan Argenti, creando para tal efecto unha comisión, na que estaban integradas tódalas entidades sociais e deportivas estradenses. O proxecto ambicionaba a creación do terceiro estadio mais grande de Galicia despois de Balaídos e Riazor.
En 1960, con Federico Ramírez Calvo como presidente, o equipo inscribiuse no Torneo Rías Baixas. Tras o mal papel do equipo na liga o presidente deixou o posto a José Araujo Ulloa. En 1962 o equipo pasou a xogar o campionato de Serie A Rexional, onde se mantivo até 1978. A comezos da década de 1970 creouse unha sección de balonmán, que chegou a ser un equipo punteiro nas competicións provinciais.
Logo de varios anos en Primeira e Segunda Rexional, acadouse o ascenso a Rexional Preferente en 1988, e tres anos máis tarde ascendeuse a Terceira División]], onde se mantivo sete tempadas. Nunha delas logrouse a clasificación para xogar a Copa do Rei de Fútbol.
Existira con anterioridade un equipo filial denominado Atlético Estradense e un equipo na categoría xuvenil, mais nestes anos, baixo a presidencia de Alfonso Varela Vázquez -a máis longa da historia do club con 18 anos en dúas etapas-, intentouse facer unha base con equipos de todas as categorías. Levouse tamén a cabo unha fusión de todas as modalidades deportivas existentes dentro dun proxecto denominado Grupo Deportivo Estradense.
Datos
[editar | editar a fonte]- Tempadas en 3ª: 9
- Mellor posto en liga: 6º (tempada 1995-96)
- Peor posto en liga: 18º (tempada 1997-98)
- Participacións na Copa do Rei: 1
Historial na liga
[editar | editar a fonte]
|
|
|
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Preferente Autonómica (1) (1990-91)
- Primeira División Autonómica (2) (1987-88, 2004-05)
- Segunda División Autonómica (1) (1982-83)