[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Anano (Terra Media)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ananos»)
Debuxo dun anano típico

Os ananos da Terra Media son seres que aparecen nas novelas de J. R. R. Tolkien. Trátase dunha raza de seres que se caracteriza principalmente por medir arredor dun metro e ser grandes canteiros, así como valorosos guerreiros.

Os ananos ou Khazâd, como se denominaban a si mesmos, tamén eran chamados Naugrim (O pobo Minguado) ou incluso Gonnhirrim (Mestres da pedra) en Sindarin, a lingua dos Elfos Grises.

Características

[editar | editar a fonte]

Como o seu nome indica, son máis baixos que os humanos, cunha altura de entre 120 e 150 centímetros. Pese a iso, son robustos e máis fortes e recios que o resto das razas. Todos teñen barba, tanto homes como mulleres, e cortárllela é a maior vergonza e ofensa que se lles pode facer.

O seu carácter é teimudo e persistente e son ademais a raza máis traballadora da obra de Tolkien. Son valentes no combate e a súa vontade e orgullo fan que rara vez sexan enganados ou corrompidos polo mal, nin sequera mediante os Aneis de Poder. Se ben é certo que nalgún momento o seu orgullo se volveu contra eles, isto é algo que lles sucedeu a tódalas razas nun momento ou outro.

As súas habilidades baséanse no dominio dos metais e das xemas, que non foron superadas por ninguén que non fose Aulë e os seus máis achegados alumnos. Asemade, a súa capacidade mineira e na arquitectura non teñen igual na Terra Media.